
A orixe
A Asociación de Veciños Monte do Gozo, nace no ano 1977, sendo unha das tres máis antigas de Santiago de Compostela.
Coa chegada da democracia, ademais do xurdimento de ducias de partidos políticos de tódalas tendencias e ideoloxías, hoxe case todos desaparecidos, a sociedade civil toma conciencia da súa forza e capacidade para a defensa dos seus dereitos e xestionar ante as administracións públicas as melloras que, tanto no eido social como no material, os cidadáns demandaban e que ata entón estaban restrinxidas ou a expensas da concesión da autoridade competente.
Para isto precisábase organizarse, ter unha asociación veciñal que, como lexítima representación dos veciños dun lugar ou dunha parroquia, canalizara esas demandas e fora a interlocutora ante as autoridades e xestores das distintas administracións.
Na nosa parroquia é providencial a presenza do sacerdote xesuita D. Laureano Álvarez Val, entón residente nela, que consciente da importancia dos cambios que se estaban a producir, consegue xuntar un grupo de veciños para constituir a que se define nos estatutos como Asociación de Vecinos de la Parroquia de San Lázaro, “MONTE DO GOZO”.
Así, fai agora casi 40 anos, nace a nosa Asociación, da que se aproban os estatutos na reunión da Xunta Xestora, presidida por Laureano Álvarez, o día 28 de outubro.
Dende entón, con moita dedicación e esforzo seguimos en marcha, intentando aportar o noso grao de area na mellora da nosa parroquia.