
A Orde da Uña de San Lázaro e a Asociación Veciñal Monte do Gozo, en colaboración co Concello de Santiago, a través de Turismo de Santiago, no marco da Festa da Uña 2024 queren darlle continuidade á visita guiada celebrada na edición do pasado ano que permitiu coñecer o barrio de San Lázaro tomando como referencia os asentamentos de ambas marxes do Camiño de Santiago.
Este ano cambiamos e buscamos como punto de referencia un elemento que é consubstancial a Galicia, os nosos ríos, e así, a invitación que vos facemos é unha*visita guiada* en forma de andaina (4,2 quilómetros de lonxitude, ida) pola senda do Berce do Sar, o día 17 de marzo, onde poderedes coñecer e desfrutar tanto de aspectos medioambientais, descubrindo o seu leito, como de aspectos históricos sobre a implantación de actividades económicas nas súas marxes.
Así, coñeceredes de primeira man os muíños, a súa historia, os seus usos pola veciñanza e as formas de xestionalos, explicacións impartidas tanto por expertos como a través das vivencias das persoas que no pasado empregaban os muíños.
Remataremos a visita a carón do curtidoiro do século XIX de Amio, coñecido como Casa da Braña, reflexo de actividade fabril que se instalou en numerosos ríos de Galicia e cunha forte presencia na nosa cidade.
Data: domingo 17 marzo
Horario: 10 a 12.30h
Distancia: 4,2 km
Inicio: Ponte das Fontes do Sar (a carón das piscinas)
Fin: Curtidoiro de Amio (Rúa do País Vasco)
Dificultade: Baixa
De balde. Prazas limitadas.
Inscricións: Asoc. Veciñal Monte do Gozo
Rúa da Muíña, 63
info@avmontedogozo.es
T: 981 56 03 18
Agardamos a vosa presenza. Coñece o teu barrio!!