Quén somos?

A Asociación Mulleres en Camiño xurde como unha iniciativa de un grupo de mulleres para dar resposta a unha serie de inquedanzas como o fomento da participación fiminina na sociedade, crear espazos de convivencia e formación nos que as propias socias compartan os seus coñecementos e experencias e potenciar a aprendizaxe de novas técnicas, tanto as do ámbito doméstico e social como as dos medios de comunicación.
Actividades
As actividades promovidas para acadar os fins propostos desenvólvense no local social da Asociación de Veciños Monte do Gozo, que pon a nosa disposición tódolos medios e espazos para a súa realización, colaborando activamente na difusión entre a veciñanza.
Clases de cociña

Tivemos unha ó mes durante todo o curso. Algunhas foron subvencionados pola Asociación de Veciños e outras promovidas directamente pola nosa asociación. Son impartidas polas nosas socias, tratando sempre que as propostas e novas receitas encadren nunha cociña tradicional con produtos do mercado e de unha sinxela elaboración.
En cada clase prepáranse dúas receitas que ó remate degustan entre tódalas asistentes. Como primeiros pratos fixemos entre outros: solomillo Wellington, xarrete con salsa de mostaza, carrilleiras ó forno, pavo con dátiles, rodaballo á cazola, bacallao con frutos secos, crema de espárragos e entrantes variados. E para postre: pina merengada, bavaroise de pexego, tarta de requeixo, tarta de améndoa, peras ó viño, etc.
Curso de confección de bonecas de trapo

Durante catro clases, unha á semana, aprendimos a facer os patróns, cortar, coser e rechear unhas vistosas bonecas de trapo que, aproveitando panos e restos de teas que sempre hai nas casas, as asistentes o curso seguen facendo.
Elaboración de xabóns

Este curso, anque foi dunha soa clase, abondou para facer xabóns tanto para uso doméstico como para usos personais e distintas cremas cosméticas e de tratamento para a pel. Todo elaborado con productos naturais: caléndula, árnica, aceite de oliva virxe, aceite de coco, aloe vera, etc.
Envasado de conservas
Moitas das asociadas e asistentes habituais os distintos cursos dispoñen de hortas familiares nas que plantan xudías, tomates, pementos, chícharos, etc., que case sempre producen máis do que son capaces de consumir no momento da recollida. Por este motivo, decidiuse facer un curso de envasado de conservas vexetais que permitise dispoñer deses produtos todo o ano. Como sucede o mesmo cos frutais, fixéronse marmeladas de cirolas e laranxas.
Tamén aprendimos a envasar bonito en aceite e a facer e conservar salsa de tomate. Unha xornada moi completa.
Curso de cestería
Como non podía faltar algunha actividade de artesanía tradicional, decidimos facer un curso de cestería no que, por primeira vez, contamos coa asistencia de varios homes. Durante tres meses, cunha clase á semana, realizáronse cestos de tódolos tipos e usos: alongados, redondos, decorativos, fruteiros, paneiras, etc., segundo a iniciativa e gusto de cada un dos asistentes.
Curso de informática
Dentro das propostas de formación e posta ó día coas novas tecnoloxías, era fundamental facer un curso de informática. Asi, durante todo o curso pasado, ademáis de avanzar no tratamento de textos e na elaboración e garda de documentos, o obxectivo principal era como manexarse en internet: busca de información na rede, uso do correo electrónico, solicitar citas médicas ou acceder os datos fiscais para á declaración da renda.
Visitas culturais

E como complemento formativo e de coñecemento do noso patrimonio cultural, realizamos visitas guiadas o Mosteiro de San Martiño Pinario e as excavacións arqueolóxicas da catedral e o seu museo.
Mesas redondas
Son xuntanzas informais nas que, ademais de falar das nosas cousas cada unha aporta a súa experiencia en calquera materia que poda interesar ás outras compañeiras. Desas xuntanzas, sairon bolsos de verdadeira artesanía feitos con mostrarios de teas de tapicería, labores de calceta e ganchillo, trapillo, arranxo de prendas, aprendizaxe de costura con máquina, etc.